12 ene 2012

Novas tecnoloxías na biblioteca


Novos ordenadores con acceso a internet na biblioteca:

Xa temos a disposición dos usuarios catro ordenadores. 

Podes facer aquí os teus traballos, entrar na rede ou escoitar música...

Anímate e vén darlle uso!!


10 ene 2012

Exposición do Barroco

Vén á biblioteca! 

E mergúllate no mundo do Barroco!


Exposición: O Barroco e o seu tempo
O Barroco musical foi un estilo que deixou fonda pegada na historia da música occidental. Non só marcou toda unha época de contrastes no século XVII e primeira metade do XVIII, senón que tamén potenciou a creación de obras que aínda hoxe seguen a soar nos máis inesperados recunchos, acadando un halo de contemporaneidade que moi poucos estilos lograron na historia. 

Co afán de poñer a disposición dos usuarios da biblioteca algúns dos materiais do Barroco, as alumnas e os alumnos de 5º de Grao Profesional prepararon con esmero tres paneis que explican grosso modo este interesante período musical, os seus xéneros e as aportacións dun dos seus compositores máis eminentes, Johann Sebastian Bach.

Esperamos que gocen deste percorrido a través do séculos XVII e primeira metade do XVIII, momento no que un novo xeito de facer música irrompía na música relixiosa, de cámara e teatral. 

Vista lateral dos paneis

Selección de materiais do Barroco

Selección de materiais do Barroco da biblioteca

Vista frontal do paneis informativos

 








2012. Libro do mes de Xaneiro

2012. Libro do mes de Xaneiro

 
DOWNS, Philip G.
La música clásica. La era de Haydn, Mozart y Beethoven
 Madrid, Akal, 1998
EDICIÓN ORIXINAL: Norton & Company, 1992
TRADUCIÓN: Celsa Alonso


O presente volume analiza o ascenso e declive do estilo clásico, dende mediados do século XVIII –momento do nacemento de Haydn- ata a segunda década do XIX –cando morre Beethoven-. Nos seus capítulos ponse de manifesto a enorme diversidade e os continuos cambios que caracterizan a música do período, sen esquecérselle as condicións sociais e a vida cotiá dos músicos, así como a estética imperante e as preferencias da audiencia respecto ás estruturas musicais, a organización das combinacións e grupos.
Na primeira parte do libro establece os elementos básicos que supuxeron o cambio de estilo musical do Barroco cara o Clasicismo nun período que se deu en chamar Preclasicismo. Neste momento conviviron varias propostas baixo as ideas estéticas do Rococó, que marcaron o pulso dunha convulsa etapa de heteroxeneidade e de apertura. Neste senso o Style Galant e o Empfindsamer Stil prevaleceron na música para teclado, a ópera diversificou as súas temáticas e a música sinfónica foi gañando terreo no eido dos concertos públicos.
Na segunda parte, o autor sumérxese nas razóns do xurdimento e afianzamento do estilo clásico nos diferentes xéneros musicais, abordando non só a música escénica, relixiosa e de concerto, senón tamén incidindo no relevante papel da música doméstica.
Da terceira á séptima parte afóndase na vida, obra e aportacións de Haydn e de Mozart, como emblemas do estilo clásico, que coñeceu o seu máximo apoxeo entre 1780 e 1800. Na oitava parte trátase a Beethoven coma “un xigante entre dous séculos”, explicando as súas obras máis relevantes.
Na última parte do libro preséntanse cales foron as herdanzas do século das luces no século XIX, dándolle así unha continuidade de cara ao novo período que se abriu a partires de entón: o Romanticismo.




31 dic 2011

2011. Libro do mes de decembro

Decembro

Carlos Villanueva: Los villancicos gallegos, A Coruña,
 Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1994

Interesante aportación ao mundo do estudo da música na historia de Galicia. O libro afonda nun xénero que cobrou un relevante pulo a partires dos s. XVII e XVIII. 

O vilancico era unha peza cuxa orixe se sitúa no Renacemento no eido profano, pero que co Barroco acabou resoando no interior de igrexas, catedrais e mosteiros como unha peza para embelecer o culto. Os temas dos vilancicos a miúdo incluían personaxes procedentes de Galicia, cun carácter anecdótico e mesmo humorístico, coma no caso dos vilancicos de Miguel de Irízar. Mais a finais do século XVIII, Melchor López –mestre de capela da catedral de Santiago- apostou por un modelo de vilancico escrito en galego, con exemplos coma Da Ulla a meu cabo veño. Este modelo –que tivo curta duración en Compostela- axiña foi adoitado polos compositores que traballaban para Mondoñedo e mesmo para Ourense. 

esta obra faise un percorrido histórico a través do vilancico en Galicia, analízanse os contidos musicais e transcríbense moitos dos exemplos deste singular xénero. 


O autor: Carlos Villanueva
Este autor cunha ampla experiencia no eido da investigación musicolóxica é catedrático de Música da Universidade de Santiago de Compostela dende o ano 2000. A súa tese doutoral versou sobre os vilancicos en galego da catedral de Mondoñedo. Dende o ano 1989 é profesor titular da mentada universidade, visitando con frecuencia outros centro educativos coma universidades de Pennsylvania (USA), Oviedo e Granada. É o fundador e director do Grupo de Cámara da Universidade de Santiago, creado en 1977.





  

2011. Libro do mes de Novembro

Novembro

Pablo Carpintero Arias: Os instrumentos musicais na tradición galega, Ourense, Difusora de Letras, Artes e Ideas,2009
   
Completo inventario de instrumentos musicais empregados na música tradicional galega, traballo de organoloxía de referencia para o estudo da música en Galicia. 
O autor amosa as diferentes familias instrumentais seguindo a clasificación de Hornsbostel e Sachs, procurando aportar datos sobre a natureza acústica, o funcionamento, a construción e mesmo a historia de cada exemplar. 
As fotografías de Xosé Ramón Marín Álvarez contribúen a ilustrar as explicacións textuais, dando como resultado un volume visualmente moi atractivo.


   




O autor:

Pablo Carpintero Arias naceu en Castro de Carballedo (Lugo) en 1969. É doutor en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela, onde foi profesor de Bioquímica. Realizou un segundo curso de doutoramento no Departamento de Historia da Arte da mesma universidade sobre a gaita de fol, e traballa no Proxecto Ronsel da Universidade de Vigo para a recuperación do Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia. É membro directivo da Asociación de Gaiteiros Galegos e dirixe dous grupos de recuperación de tradicións musicais galegas. Ademais de adicarse á investigación da organoloxía tradicional galega, é artesán, especializado na reprodución de todo tipo de instrumentos tradicionais galegos.





Fonte da imaxe:

Máis información sobre o proxecto en: http://www.consellodacultura.org/asg/instrumentos/acerca-de/





7 dic 2011

Sabías de nós?



Le culturízate
Consulta postos de lectura, información, referencia, internet
Leva un libro ou un cd préstamo a domicilio













Benvido á túa biblioteca!

Recolle aquí o teu folleto informativo...