31 dic 2011

2011. Libro do mes de decembro

Decembro

Carlos Villanueva: Los villancicos gallegos, A Coruña,
 Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1994

Interesante aportación ao mundo do estudo da música na historia de Galicia. O libro afonda nun xénero que cobrou un relevante pulo a partires dos s. XVII e XVIII. 

O vilancico era unha peza cuxa orixe se sitúa no Renacemento no eido profano, pero que co Barroco acabou resoando no interior de igrexas, catedrais e mosteiros como unha peza para embelecer o culto. Os temas dos vilancicos a miúdo incluían personaxes procedentes de Galicia, cun carácter anecdótico e mesmo humorístico, coma no caso dos vilancicos de Miguel de Irízar. Mais a finais do século XVIII, Melchor López –mestre de capela da catedral de Santiago- apostou por un modelo de vilancico escrito en galego, con exemplos coma Da Ulla a meu cabo veño. Este modelo –que tivo curta duración en Compostela- axiña foi adoitado polos compositores que traballaban para Mondoñedo e mesmo para Ourense. 

esta obra faise un percorrido histórico a través do vilancico en Galicia, analízanse os contidos musicais e transcríbense moitos dos exemplos deste singular xénero. 


O autor: Carlos Villanueva
Este autor cunha ampla experiencia no eido da investigación musicolóxica é catedrático de Música da Universidade de Santiago de Compostela dende o ano 2000. A súa tese doutoral versou sobre os vilancicos en galego da catedral de Mondoñedo. Dende o ano 1989 é profesor titular da mentada universidade, visitando con frecuencia outros centro educativos coma universidades de Pennsylvania (USA), Oviedo e Granada. É o fundador e director do Grupo de Cámara da Universidade de Santiago, creado en 1977.