16 dic 2013

I Concurso de Postais de Nadal

Xa podedes visitar a exposición correspondente ao I Concurso de Postais de Nadal. 

As elixidas para realizar as felicitacións do conservatorio foron as elaboradas por Eva Añel Soengas, Yago López Paz e Xulia Rey de la Vega. 

Noraboa a todxs xs participantes!


9 dic 2013

Novo número de "Música y Educación" xa dispoñible

O número 96 (XXVI, 4) de Decembro de 2013 de Música y Educación. Revista internacional de pedagogía musical xa está dispoñible na nosa biblioteca. 

Achégate e atoparás interesantes artigos e reseñas!!

2 dic 2013

Libro do mes de decembro 2013


AUTOR: François- René Tranchefort
TÍTULO: Guía de la música sinfónica
CIDADE DE EDICIÓN: Madrid
EDITORIAL: Alianza Música
ANO: 2003                                        TRADUTOR: Eduardo Rincón
NÚMERO DE PÁXINAS: 1320

Este dicionario está dirixido a un público moi variado, xa que contén unha completa guía sobre a música sinfónica, que convida ao oínte a unha escoita activa e documentada.


O repertorio abrangue unha completa selección de obras que soan a través dos diversos medios de comunicación, procurando abordar xéneros coma sinfonías, concertos, poemas sinfónicos, suites, divertimentos, serenatas, oberturas e mesmo extractos de obras líricas ou ballets. Por iso aglutina preto de cinco mil análises de máis de douscentos compositores.

Unha fonte de consulta imprescindible para os melómanos e estudantes de música, xa que nos ofrece unha completa guía de composicións orquestrais, incluíndo as circunstancias da súa creación, as súas fontes de inspiración, a data e lugar de estrea e a acollida que recibiu, así como a instrumentación precisa e a duración media da execución. Toda unha fonte de información que se pode consultar na sala da nosa biblioteca.

Achégate e busca a túa obra preferida!  


(Se queres recibir esta información no teu correo electrónico, déixanos a túa dirección no buzón de suxestións)

22 nov 2013

CD: Debussy Complete Orchestral Works

Podes escoitar toda a obra orquestral de Claude Debussy (1862-1918) na caixa de Naxos que se atopa na nosa biblioteca coa signatura CD 736, que contén nove cds con pezas como La Mer ou Prélude a l'après-midi d'un faune. Nesta ocasión a interpretación corre a cargo da Orquestra Nacional de Lyon, baixo a batuta de Jun Märkl, que gravou tódalas pezas entre xullo de 2007 e marzo de 2011. A edición veu a luz no ano 2012 a cargo da discográfica Naxos.


10 nov 2013

Visita a nosa exposición: Verdi e Wagner. Dúas vidas paralelas e dispares


Poderás ler paneis informativos sobre a vida e a produción destes dous coñecidos compositores. Ademais tamén poderás achegarte a algúns dos materiais dos que dispón a biblioteca para o coñecemento destes dous autores de música escénica do Romanticismo. 




1 nov 2013

Introducción a la música del siglo XX: libro do mes de novembro 2013


DATOS DO LIBRO
AUTOR: Ottó Károlyi
TÍTULO: Introducción a la música del siglo XX
CIDADE DE EDICIÓN: Madrid
EDITORIAL: Alianza Música
ANO: 2000                                                 TRADUTOR: Pedro Sarmiento
NÚMERO DE PÁXINAS: 373

DATOS DO AUTOR

Ottó Károlyi  é un musicólogo nado en París que realizou estudos en Budapest, Viena e Londes. Actualmente exerce como profesor na universidade de Stirling (Escocia). É coñecido principalmente polos seus libros de divulgación, como Introdución á música, e análise sobre a música contemporánea, como Introdución á música do século XX.

BREVE RESUMO DO LIBRO
 A música do século XX suscita a miúdo, salvo en círculos pechados, un sentimento de rexeitamento. O autor propón neste libro un achegamento ás principais características desta música para poder chegar a un mellor comprendemento e desfrute. Para iso realiza unha análise sistemática dos cambios de estética que se foron producindo ao longo do século, tendo en conta a complexidade que adquiriu o fenómeno musical desde as vangardas de comezos do século das grandes guerras.

Károlyi inicia a introdución do libro do seguinte xeito: “Para a maior parte dos afeccionados á música, a música do século XX é un óso duro de roer. A miúdo se mesturar a confusión e o rexeitamento coa sensación de provocación, ou incluso de burla. Cando a música é complicada, táchase de elitista ou de innecesariamente intelectual. Se a música está baseada nunha idea sinxela, considérase superficial e burda e a reacción máis habitual é a de dicir: “Iso saberíao facer eu”. Poderíase argumentar que a diferenza entre o artista e o home da rúa é que o primeiro fai o que o segundo cre que podería facer, pero non fai (...)”



(Se queres recibir esta información no teu correo electrónico, déixanos a túa dirección no buzón de suxestións)

29 oct 2013

Novo número de "Música y educación"

Xa dispoñible na nosa biblioteca o número de outubro da revista "Música y Educación"
Nº 95 da revista "Música y Educación"

1 oct 2013

Beethoven, el músico sordo. Libro do mes de outubro de 2013


DATOS DO LIBRO

AUTOR: Patxi Irurzun
TÍTULO: BEETHOVEN, EL MÚSICO SORDO
EDITORIAL: El Rompecabezas
ANO: 2008
NÚMERO DE PÁXINAS: 125

DATOS DO AUTOR


Pamplona (1969), é autor de libros de contos moi variados, entre os que se atopan “Cuentos de color gris” (1989), Cuentos sanfermineros (2005), e varias novelas coma “Odio enamorado”(2007), “Cuestión de supervivencia” (1998) ou o minilibro “El cangrejo valiente” (2004), entre outras aportacións. Ten colaborado con diferentes medios coma El Canto de la Tripulación, El Europeo, Rolling Stone, Gara, Dominical, Mono Gráfico, Vinalia Trippers, El País…Tamén recibiu diferentes premios coma “El Viajero” de El País-Aguilar, o “Ciudad de Palencia” ou o “Francisco Yndurain” das letras para xoves autores, así como o Premio da Creación Literaria 2004 do Goberno de Navarra.
                                      
BREVE RESUMO DO LIBRO


 
Trátase dun conto con actividades, recomendado a partir de 9 anos, que tomando como fío condutor a Quinta Sinfonía de Beethoven, nos introduce nos sorprendente mundo de Otto, un neno de 10 anos, que se propón reconstruír a súa vida a través das persoas que o coñeceron: un inventor de autómatas, un amor secreto… Toda unha sinfonía de divertidas peripecias.


10 may 2013

Boletín da Fundación Juan March

Podemos ollar no seguinte enlace o boletín da Fundación Juan March, con novas frescas sobre a música contemporánea:  

Boletín 1 (maio 2013)

Un novo libro de música galega na rede



A Universidade de Santiago de Compostela vén de colgar on line o libro Os soños da memoria. Documentación musical en Galicia: metodoloxías para o estudio.O volume recolle as actas do encontro que se celebrou no outono de 2011 no Museo de Pontevedra, organizado polo grupo de investigación interuniversitario Fondos documentais de música nos arquivos civís de Galicia (1875‑1936) (HAR 209‑09161), integrado por Montserrat Capelán, Luis Costa Vázquez e Javier Garbayo, coa dirección como IP de Carlos Villanueva.

Para acceder ao texto: http://dspace.usc.es/handle/10347/8133

2 may 2013

Libro do mes de maio de 2013


LIBRO DO MES DE MAIO 2013

DATOS DO LIBRO

AUTOR: ClemensKühn
TÍTULO: Historia de la composición musical en ejemplos comentados
CIDADE DE EDICIÓN:Barcelona
EDITORIAL: Idea Books
ANO: 2003
NÚMERO DE PÁXINAS: 383
EDICIÓN ORIXINAL: Bärenreiter-VerlagKarlVötterle, 1998
TRADUCIÓN: Francisco Fernández del Pozo

O AUTOR

ClemensKühn  (1945) é un compositor e notable musicólogo alemán, moi coñecido polos seus libros de teoría e análise musical. Naceu en Hamburgo, estudou no conservatorio da súa cidade natal e despois con Diether de la Motte e CarlDahlhaus. Obtivo o doutoramento en 1977 cunha tese sobre as obras orquestrais de BerndAloisZimmermann, publicada en Hamburgo en 1978. Despois de ser asistente, foi nomeado profesor de teoría musical na Escola de Arte de Berlín en 1978, cambiando ao Conservatorio de Múnich en 1988 e ao conservatorio “CarlMariavonWeber” de Dresde en 1997.
Kühndestacou entre 1978 e 1996 como editor e co-editor da revista "Musica" (Bärenreiter-Verlag), ademais de escribir sobre teoría musical para a nova edición de MGG/Sachteil. Éco-editorda revista Musiktheorie (Laaber-Verlag). Os seus puntos de interese musical están entre a análise musical e a teoría musical.

BREVE RESUMO DO LIBRO

Este libro non vai dirixido, como podería facer pensar o título, de forma exclusiva a compositores ou estudantes de composición, senón que o seu radio de acción é moito máis amplo. Os plantexamentos que emprega o autor nesta obra teórica resultan non só orixinais, senón tamén eficaces e clarificadores en moitos aspectos. Os capítulos están dedicados ás transformacións da linguaxe e aos xéneros por épocas, tratadas cronoloxicamente, incluíndo elementos comparativos para extraer conclusións sobre as técnicas compositivas. A realidade amósanos que o proceso de desenvolvemento na composición non ten lugar de forma liñal, senón que as técnicas e os diferentes puntos de vista se suceden na historia da composición alternativamente.




Fontes das imaxes: enclavecreativa.com; ideabooks.com
(Se queres recibir esta información no teu correo electrónico, déixanos a túa dirección no buzón de suxestións ou en biblioteca.conservatoriourense@gmail.com)

30 abr 2013

Novo disco de Marcos Díaz

Esta nova seguro que vos resulta de interese. O profesor de guitarra Marcos Díaz vén de publicar un disco cunha selección de trece sonatas de Domenico Scarlatti transcritas para guitarra. Podedes ler unha moi boa crítica no boletín de Diverdi no mes de novembro de 2012 (páxina 16). 


Diverdi do mes de novembro



1 abr 2013

Libro do mes de abril de 2013


LIBRO DO MES DE ABRIL DE 2013


DATOS DO LIBRO

AUTOR: Xavier Groba González
TÍTULO: CASTO SAMPEDRO E A MÚSICA DO CANTIGUEIRO GALEGO DE TRADICIÓN ORAL
            Vol. 1. Personaxes e contidos da colección musical
            Vol. 2. Documentario, cartas, escritos musicais e partituras
CIDADE DE EDICIÓN: Redondela (Pontevedra)
EDITORIAL: Concello de Redondela
ANO: 2012
NÚMERO DE PÁXINAS: vol. 1 (558), vol. 2 (725)


DATOS DO AUTOR


Musicólogo e profesor de secundaria, que leu no 2011 na Universidade de Santiago a tese de doutoramento titulada O legado musical de Casto Sampedro Folgar (1848-1937): o canto galego de tradición oral, baixo a dirección do catedrático de música da Facultade de Xeografía e Historia D. Carlos Villanueva Abelairas. O labor investigador de Xavier Groba remóntase a hai máis dunha década, centrándose sobre todo na música de tradición oral e a súa metodoloxía de estudo.


                                      

BREVE RESUMO DOS LIBROS

Trátase dun estudo centrado na análise e edición crítica dos 720 cantos de tradición oral reunidos por Casto Sampedro Folgar, que actualmente están depositados no Museo de Pontevedra. Ademais do documentario recóllense máis de trescentas cartas e todos os escritos musicais atribuídos ao recompilador. O estudo complétase coa contextualización histórica e cultural do proceso de formación da colección Sampedro, que conta ademais con máis dun centenar de colaboradores de entre 1870 e 1924.

 (Se queres recibir esta información no teu correo electrónico, déixanos a túa dirección no buzón de suxestións)

14 mar 2013

Novos volumes na biblioteca: Casto Sampedro e a música do cantigueiro galego de tradición oral

Desde hoxe podemos dispoñer dos dous volumes da seguinte obra: 


GROBA GONZÁLEZ, Xavier. Casto Sampedro e a música do cantigueiro galego de tradición oral. Redondela (Pontevedra): Concello de Redondela, 2012. 


Búscaos na túa biblioteca coa signatura 78GROcas