29 ene 2014

Libro do mes de febreiro: Tchaikovsky y los niños

DATOS DO LIBRO/DISCO

AUTOR: Anna Obiols, Subi, Tchaikovsky

TÍTULO:Tchaikovsky y los niños

EDITORIAL: Bellaterra Música

ANO: 2010

NÚMERO DE PÁXINAS: 24


DATOS DO LIBRO


Trátase dun libro de contos para nenos de entre 6 e 8 anos, que inclúe o conto “Tchaikovsky no pequeno mundo dos xoguetes", un CD co conto gravado e un extracto de 25 pezas para piano do Álbum da xuventude, interpretado por Marina Rodríguez.

De pequeno a Piotr I. Tchaikovsky lle encantaban os contos, xa que tiña unha coidadora que lle contaba moitos. Así ao medrar e ver que ao seu sobriño Bobik de seis anos lle gustaban tamén, igual que tocar o piano, Piotr compúxolle unha serie de pezas para piano. Cada unha facía referencia a unha historia fantástica, a un conto, a un xoguete ou a algunha viaxe. Así cada peza tiña o seu propio título, para que Bobik as puidese imaxinar á vez que as tocaba. A este caderno musical chamoulle “Álbum da xuventude” na honra ao seu admirado Robert Schumann.

(Se queres recibir esta información no teu correo electrónico, déixanos a túa dirección no buzón de suxestións)

24 ene 2014

Novidades infantís

Xa están a disposición dos usuarios novos volumes de contos infantís con música. Coñece a Beethoven, Chopin e Verdi a través da súa música. 



Achégate ao recanto infantil da nosa biblioteca!

11 ene 2014

Libro do mes de xaneiro de 2014


DATOS DO LIBRO
AUTOR: Nikolaus Harnoncourt
TÍTULO: La música como discurso sonoro. Hacia una nueva comprensión de la música
CIDADE DE EDICIÓN: Barcelona
EDITORIAL: Acantilado
ANO: 2006                                                 TRADUTOR DO ALEMÁN: Juan Luis Milán
NÚMERO DE PÁXINAS: 339

DATOS DO AUTOR




Despois de estudar na Academia de Música de Viena en 1952, foi violonchelista coa Sinfónica de Viena. Un ano máis tarde fundou, xunto coa súa muller a Concentus Musicus Wien, incluíndo instrumentos de época e centrándose na música do Renacemento e o Barroco. En 1972, foi profesor do Mozarteum de Salzburgo, e a súa carreira como director emerxeu rápido ao dirixir lendarios ciclos de obras de Monteverdi e Mozart. Dirixiu orquestras coma a Royal Concertgebouw Orchestra de Ámsterdam, a Orquestra de Cámara de Europa, a Filarmónica de Viena e Berlín. Hoxe Nikolaus Harnoncourt é unha estrela internacional entre os directores de orquestra.


BREVE RESUMO DO LIBRO

Neste libro recóllese unha colección de ensaios deste intérprete e director, que conforman unha interesante contribución ao pensamento musical do noso tempo. Foi publicado orixinariamente en 1984 e constitúe para moitos un auténtico “credo” dunha das voces máis recoñecidas no ámbito da interpretación musical histórica. Esta compilación aglutínase en tres partes diferenciadas que abordan a música desde o punto de vista interpretativo, pero incluíndo moi interesantes reflexións históricas sobre a música e o proceso que a fai posible. A primeira parte titúlase “Aspectos fundamentales de la música y de la interpretación”; a segunda sección “Instrumentario y discurso sonoro”, centrándose nalgúns exemplares de organoloxía do Barroco e do Clasicismo; e a última sección titúlase “Música barroca europea- Mozart”, na que realiza unha viaxe polos diferentes compositores que máis aportaron á música occidental no século XVIII.


(Se queres recibir esta información no teu correo electrónico, déixanos a túa dirección no buzón de suxestións)

16 dic 2013

I Concurso de Postais de Nadal

Xa podedes visitar a exposición correspondente ao I Concurso de Postais de Nadal. 

As elixidas para realizar as felicitacións do conservatorio foron as elaboradas por Eva Añel Soengas, Yago López Paz e Xulia Rey de la Vega. 

Noraboa a todxs xs participantes!


9 dic 2013

Novo número de "Música y Educación" xa dispoñible

O número 96 (XXVI, 4) de Decembro de 2013 de Música y Educación. Revista internacional de pedagogía musical xa está dispoñible na nosa biblioteca. 

Achégate e atoparás interesantes artigos e reseñas!!

2 dic 2013

Libro do mes de decembro 2013


AUTOR: François- René Tranchefort
TÍTULO: Guía de la música sinfónica
CIDADE DE EDICIÓN: Madrid
EDITORIAL: Alianza Música
ANO: 2003                                        TRADUTOR: Eduardo Rincón
NÚMERO DE PÁXINAS: 1320

Este dicionario está dirixido a un público moi variado, xa que contén unha completa guía sobre a música sinfónica, que convida ao oínte a unha escoita activa e documentada.


O repertorio abrangue unha completa selección de obras que soan a través dos diversos medios de comunicación, procurando abordar xéneros coma sinfonías, concertos, poemas sinfónicos, suites, divertimentos, serenatas, oberturas e mesmo extractos de obras líricas ou ballets. Por iso aglutina preto de cinco mil análises de máis de douscentos compositores.

Unha fonte de consulta imprescindible para os melómanos e estudantes de música, xa que nos ofrece unha completa guía de composicións orquestrais, incluíndo as circunstancias da súa creación, as súas fontes de inspiración, a data e lugar de estrea e a acollida que recibiu, así como a instrumentación precisa e a duración media da execución. Toda unha fonte de información que se pode consultar na sala da nosa biblioteca.

Achégate e busca a túa obra preferida!  


(Se queres recibir esta información no teu correo electrónico, déixanos a túa dirección no buzón de suxestións)

22 nov 2013

CD: Debussy Complete Orchestral Works

Podes escoitar toda a obra orquestral de Claude Debussy (1862-1918) na caixa de Naxos que se atopa na nosa biblioteca coa signatura CD 736, que contén nove cds con pezas como La Mer ou Prélude a l'après-midi d'un faune. Nesta ocasión a interpretación corre a cargo da Orquestra Nacional de Lyon, baixo a batuta de Jun Märkl, que gravou tódalas pezas entre xullo de 2007 e marzo de 2011. A edición veu a luz no ano 2012 a cargo da discográfica Naxos.