12 ene 2013
8 ene 2013
Libro do mes de Xaneiro
LIBRO DO MES DE XANEIRO DE 2013
DATOS DO LIBRO
AUTORA: Eileen SOUTHERN
TÍTULO: HISTORIA DE LA MÚSICA NEGRA NORTEAMERICANA
CIDADE DE EDICIÓN:Madrid
EDITORIAL: Akal
ANO: 2001
DATOS Da AUTORa
Eileen Southern (1920-2002) foi unha musicóloga afroamericana, adicada non só á investigación, senón tamén á docencia en diversas escolas públicas dos Estados Unidos e na Universidade de Harvard. Comezou a súa carreira como pianista, ganando diversos concursos. Estudou na Universidade de Chicago e de Nova York, acadando a tese de doutoramento no 1961, na que xa se preocupaba polo estudo da música negra popular. Polo seu traballo editorial recibiu varios premios, que a galonan coma unha das especialistas máis reputadas no terreo da música negra norteamericana.
BREVE RESUMO DO
LIBRO
Neste libro a autora pretende axudar a que o lector coñeza e aprecie os diferentes xéneros e os múltiples estilos que, no seu conxunto, definen a música afroamericana dos Estados Unidos. Nesta publicación opta por organizar os materiais de xeito cronolóxico, seguindo a historia da música negra dende a súa orixe africana ata a época actual, a través das súas manifestacións na América colonial e despois nos Estados Unidos.
A partires da chegada dos primeiros africanas ás colonias inglesas, orixinouse unha intensa actividade musical, que non só xogou un papel crucial nas vidas dos estadounidenses negros, senón que influenciou profundamente a música norteamericana e doutras partes do mundo. A doutora Southern fai un percorrido por este tipo de música a través dunha crónica que abrangue dende cantantes, instrumentistas e compositores, ata xéneros e estilos que caracterizaron as manifestacións musicais dun pobo que foi dende os ritmos da escravitude ata o rap de finais do XX. Neste rico camiño, cóbrense numerosos temas, coma a música da época colonial, os artistas da guerra revolucionaria, a música sacra, o ragtime, o swing, a música de concerto, o soul, o pop e mesmo a ópera.
(Se
queres recibir esta información no teu correo electrónico, déixanos a túa
dirección no buzón de suxestión)
15 dic 2012
3 dic 2012
2012. Libro do mes de decembro
DATOS DO LIBRO
AUTOR: Eugenio Trías
TÍTULO: El canto de las sirenas
CIDADE DE EDICIÓN: Barcelona
EDITORIAL: Galaxia Gutenberg
ANO: 2007
NÚMERO DE PÁXINAS: 1000
DATOS DO AUTOR
Trías
Sagnier (Barcelona, 1942), filósofo español considerado coma un dos máis
importantes dende Ortega e Gasset. Licenciado en Filosofía, foi profesor nas
Universidades Central e Autónoma de Barcelona, desprazándose dende os anos
setenta a Brasil e Arxentina. Catedrático de filosofía na Escola Técnica
Superior de Arquitectura dende 1986 e de Historia das Ideas na Universidade
Pompeu Fabra de Barcelona. A súa concepción da filosofía é unitaria e
enciclopédica, xa que despregou as súas principais ideas en campos tan diversos
coma a ética, a estética, a reflexión cívico-política, a filosofía da relixión
ou a ontoloxía. Moitos dos seus libros convertéronse en referencias ineludibles
da filosofía española no último medio século. Obras súas coma Tratado da
paixón, O belo e o sinistro, Os límites do mundo ou A idade do espírito constituíronse xa en
obras clásicas do pensamento filosófico destes anos.
BREVE RESUMO DO
LIBRO
Neste libro Eugenio
Trías fai un percorrido a modo de ensaio a través de 25 músicos occidentais,
percorrendo dende Monteverdi ata as últimas vangardas musicais. Trata de
construír un relato, ou gran relato, sobre os principais músicos occidentais
dos últimos catrocentos anos. Neste libro trata de “narrar a música”, polo que
leva a termo un acto creador, no que urde e combina a trama de textos
diferentes que, en progresión, constitúen este relato. Os misterios gloriosos de Bach, a dualidade do
tráxico e do cómico en Mozart, os grandes relatos de Haydn, o estilo heroico de
Beethoven, o concepto de obra total de Wagner, o espírito creador de Mahler, a
nova teoloxía musical de Schoenberg, a noite eterna de Béla Bartok, os
sacrificios de Stravinski, o panteísmo sonoro de Cage ou a arquitectura musical
de Xenakis, comparecen nestas páxinas para rebelar as súas claves internas. O
resultado non é só unha excelente colección de ensaios individuais, senón tamén
un argumento narrativo: unha apaixonante historia das ideas a través da música.
Podes consultar máis en: http://serbal.pntic.mec.es/~cmunoz11/sirenas.pdf
(Se
queres recibir esta información no teu correo electrónico, déixanos a túa
dirección no buzón de suxestión
15 nov 2012
2012. Libro do mes de novembro
DATOS DO LIBRO
AUTOR: J. Peter Burkholder, Donald J. Grout, Claude V.
Palisca
TÍTULO: Historia de la música occidental
CIDADE DE EDICIÓN: Madrid
EDITORIAL: Alianza Música
ANO: 2011 (8ª edición) TRADUTOR: Gabriel Menéndez Torrellas
NÚMERO DE PÁXINAS: 1288
DATOS DO AUTOR
Donald Jay Grout (1902-1987) foi un
musicólogo estadounidense da primeira xeración, que tivo unha grande influencia
nos músicos europeos que emigraron ao novo continente tras a Segunda Guerra
Mundial. Foi un membro activo de varias universidades e de sociedades de
musicoloxía de todo o mundo, constituíndo un referente durante máis de medio
século. Os seus traballos deixaron unha fonda pegada na historiografía da
música, sendo un dos máis influíntes A History of Western
Music de 1960, que se
converteu nun auténtico manual reeditado en varias ocasións. Estas reedicións
correron a cargo de autores coma Claude Palisca ou máis
recentemente J. Peter Burkholder, cuxa edición é a que presentamos nesta
ocasión.
BREVE RESUMO DO LIBRO
Este volume foi cualificado por críticos
e expertos coma o mellor compendio do desenvolvemento da música no mundo
occidental dende as civilizacións máis antigas ata os nosos días. A obra, que
só esixe coñecementos elementais de terminoloxía musical e de harmonía,
constitúe un modelo de erudición. Explora os estilos, compositores, xéneros e
obras fundamentais, así coma a tensión entre tradición e innovación, que tamén
abarca unha ampla variedade de xéneros relixiosos e seculares, serios e humorísticos,
cultos e populares, de todo o mundo. O texto aparece ilustrado con abundantes
exemplos musicais, cronoloxías, biografías, extractos de fontes orixinais,
resumos, un glosario e un prego de mapas en cor. Toda unha ferramenta para
afondar no coñecemento da música occidental e dos estilos que a cotío se
interpretan no conservatorio.
4 nov 2012
22 oct 2012
Día das bibliotecas escolares. 24 de outubro
O vindeiro mércores día 24 de outubro é o día das bibliotecas escolares. Estades convidados a coñecer os novos materiais do rincón infantil e o novo mobiliario para materiais audiovisuais.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)