2012. Libro do mes de Xaneiro
DOWNS, Philip G.
La música clásica. La era de Haydn, Mozart y Beethoven
Madrid, Akal, 1998
EDICIÓN ORIXINAL:
Norton & Company, 1992
TRADUCIÓN:
Celsa Alonso
O presente
volume analiza o ascenso e declive do estilo clásico, dende mediados
do século XVIII –momento do nacemento de Haydn- ata a segunda
década do XIX –cando morre Beethoven-. Nos seus capítulos ponse
de manifesto a enorme diversidade e os continuos cambios que
caracterizan a música do período, sen esquecérselle as condicións
sociais e a vida cotiá dos músicos, así como a estética imperante
e as preferencias da audiencia respecto ás estruturas musicais, a
organización das combinacións e grupos.
Na primeira
parte do libro establece os elementos básicos que supuxeron o cambio
de estilo musical do Barroco cara o Clasicismo nun período que se
deu en chamar Preclasicismo. Neste momento conviviron varias
propostas baixo as ideas estéticas do Rococó, que marcaron o pulso
dunha convulsa etapa de heteroxeneidade e de apertura. Neste senso o
Style
Galant
e o Empfindsamer
Stil
prevaleceron na música para teclado, a ópera diversificou as súas
temáticas e a música sinfónica foi gañando terreo no eido dos
concertos públicos.
Na segunda
parte, o autor sumérxese nas razóns do xurdimento e afianzamento do
estilo clásico nos diferentes xéneros musicais, abordando non só a
música escénica, relixiosa e de concerto, senón tamén incidindo
no relevante papel da música doméstica.
Da terceira
á séptima parte afóndase na vida, obra e aportacións de Haydn e
de Mozart, como emblemas do estilo clásico, que coñeceu o seu
máximo apoxeo entre 1780 e 1800. Na oitava parte trátase a
Beethoven coma “un xigante entre dous séculos”, explicando as
súas obras máis relevantes.
Na última
parte do libro preséntanse cales foron as herdanzas do século das
luces no século XIX, dándolle así unha continuidade de cara ao
novo período que se abriu a partires de entón: o Romanticismo.