12 ene 2012

Novas tecnoloxías na biblioteca


Novos ordenadores con acceso a internet na biblioteca:

Xa temos a disposición dos usuarios catro ordenadores. 

Podes facer aquí os teus traballos, entrar na rede ou escoitar música...

Anímate e vén darlle uso!!


10 ene 2012

Exposición do Barroco

Vén á biblioteca! 

E mergúllate no mundo do Barroco!


Exposición: O Barroco e o seu tempo
O Barroco musical foi un estilo que deixou fonda pegada na historia da música occidental. Non só marcou toda unha época de contrastes no século XVII e primeira metade do XVIII, senón que tamén potenciou a creación de obras que aínda hoxe seguen a soar nos máis inesperados recunchos, acadando un halo de contemporaneidade que moi poucos estilos lograron na historia. 

Co afán de poñer a disposición dos usuarios da biblioteca algúns dos materiais do Barroco, as alumnas e os alumnos de 5º de Grao Profesional prepararon con esmero tres paneis que explican grosso modo este interesante período musical, os seus xéneros e as aportacións dun dos seus compositores máis eminentes, Johann Sebastian Bach.

Esperamos que gocen deste percorrido a través do séculos XVII e primeira metade do XVIII, momento no que un novo xeito de facer música irrompía na música relixiosa, de cámara e teatral. 

Vista lateral dos paneis

Selección de materiais do Barroco

Selección de materiais do Barroco da biblioteca

Vista frontal do paneis informativos

 








2012. Libro do mes de Xaneiro

2012. Libro do mes de Xaneiro

 
DOWNS, Philip G.
La música clásica. La era de Haydn, Mozart y Beethoven
 Madrid, Akal, 1998
EDICIÓN ORIXINAL: Norton & Company, 1992
TRADUCIÓN: Celsa Alonso


O presente volume analiza o ascenso e declive do estilo clásico, dende mediados do século XVIII –momento do nacemento de Haydn- ata a segunda década do XIX –cando morre Beethoven-. Nos seus capítulos ponse de manifesto a enorme diversidade e os continuos cambios que caracterizan a música do período, sen esquecérselle as condicións sociais e a vida cotiá dos músicos, así como a estética imperante e as preferencias da audiencia respecto ás estruturas musicais, a organización das combinacións e grupos.
Na primeira parte do libro establece os elementos básicos que supuxeron o cambio de estilo musical do Barroco cara o Clasicismo nun período que se deu en chamar Preclasicismo. Neste momento conviviron varias propostas baixo as ideas estéticas do Rococó, que marcaron o pulso dunha convulsa etapa de heteroxeneidade e de apertura. Neste senso o Style Galant e o Empfindsamer Stil prevaleceron na música para teclado, a ópera diversificou as súas temáticas e a música sinfónica foi gañando terreo no eido dos concertos públicos.
Na segunda parte, o autor sumérxese nas razóns do xurdimento e afianzamento do estilo clásico nos diferentes xéneros musicais, abordando non só a música escénica, relixiosa e de concerto, senón tamén incidindo no relevante papel da música doméstica.
Da terceira á séptima parte afóndase na vida, obra e aportacións de Haydn e de Mozart, como emblemas do estilo clásico, que coñeceu o seu máximo apoxeo entre 1780 e 1800. Na oitava parte trátase a Beethoven coma “un xigante entre dous séculos”, explicando as súas obras máis relevantes.
Na última parte do libro preséntanse cales foron as herdanzas do século das luces no século XIX, dándolle así unha continuidade de cara ao novo período que se abriu a partires de entón: o Romanticismo.