26 feb 2016

Libro do mes de marzo 2016: Aires da terra




LIBRO DO MES DE MARZO DE 2016



AUTOR: José Luis Calle
TÍTULO: Aires da terra. La poesía musical de Galicia
EDITORIAL: José Luis Calle García
CIDADE: Pontevedra
ANO: 1993


Este libro aborda o estudo do primeiro coro galego, Aires d'a terra, que comezou ou seu periplo musical a finais do século XIX. Os primeiros traballos deste colectivo musical viron a luz a comezos do século XX, encentando un modelo de agrupación musical no que a recuperación da música do folclore galego e unha escenografía enxebre eran frecuentes. Neste estudo reúnense os materiais para o estudo deste innovador grupo. Pártese do seu contexto para afondar nas actividades do grupo e na súa estética, así como o coñecemento da figura do seu fundador, o boticario pontevedrés Perfecto Feijoo. Tamén se aborda a comparación entre este modelo interpretativo do coro e as súas realizacións posteriores a través do seu repertorio, da súa organoloxía e dos coros sucesores desta estética. O volume recolle documentos gráficos e manuscritos que ilustran as aportacións desta agrupación.



(Se queres recibir esta información no teu correo electrónico, déixanos a túa dirección no buzón de suxestións)

3 feb 2016

Libro do mes de febreiro de 2016: Disonancias de Adorno


LIBRO DO MES DE FEBREIRO DE 2016




AUTOR: ADORNO, Theodor W.
TÍTULO: Disonancias. Introducción a la sociología de la música
EDITORIAL: Akal
CIDADE: Madrid
ANO: 2009


Este traballo acomete unha revisión crítica da socioloxía da música de Theodor W. Adorno, efectuada tras un achegamento a diversos factores biográficos, xuízos personais e premisas estéticas. As súas análises e especulacións poden supoñer un fructífero aporte á subdisciplina da socioloxía da música, especialmente cando se trata de comprender as dinámicas locais ou globais que afectan ás prácticas e á vida musical en torno á música clásica.

Podemos ler máis sobre unha síntese do libro en: http://www.scielo.org.mx/pdf/soc/v28n80/v28n80a4.pdf



(Se queres recibir esta información no teu correo electrónico, déixanos a túa dirección no buzón de suxestións)

7 ene 2016

Libro do mes de xaneiro 2016: Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón


LIBRO DO MES DE XANEIRO DE 2016



AUTORA: LIAÑO PEDREIRA, Mª Dolores (catalogadora)
TÍTULO: Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón. Catálogo de partituras
EDITORIAL: Diputación Provincial de A Coruña CIDADE: A Coruña ANO: 2012



Este catálogo recolle o arquivo musical dun dos compositores máis destacados en Galicia durante a primeira metade do século XX, Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón (1886-1973). Este compositor compartiu a súa vida entre a música e a arquitectura, xa que exerceu como arquitecto provincial entre 1916 e 1956 na Coruña, onde residiu toda a súa vida. No catálogo descríbense as partituras manuscritas do compositor, orixinais, copias, primeiros borradores e anotacións dos documentos que se conservan no Arquivo Musical de Galicia, pertencente á Academia Galega de Belas Artes de Nuestra Señora del Rosario da Coruña.
O catálogo aborda as obras do compositor en varias seccións: obras para a escena, obras para piano, cancións, obras relixiosas para orquestra, música militar, borradores de obras sen identificar e arquivo documental. Ademais dos índices finais recóllense varias ilustracións nas que se poden observar algúns dos manuscritos do autor.




(Se queres recibir esta información no teu correo electrónico, déixanos a túa dirección no buzón de suxestións)

6 nov 2015

Libro do mes de novembro

LIBRO DO MES DE NOVEMBRO 2015



AUTOR: M. Betés de Toro (compilador)
TÍTULO: Fundamentos de musicoterapia
EDITORIAL: Moralta CIDADE: Madrid ANO: 2000 NÚMERO DE PÁXINAS: 399




Este libro é un traballo de colaboración de numerosos autores co propósito de ofrecer unha visión o máis clara e completa posible sobre os aspectos básicos que fundamentan a Musicoterapia, entendida como a disciplina que estuda a música na prevención e tratamento de moitos trastornos. Neste senso, aborda a temática desde un punto de vista utilitario, é dicir, como remedio para curar, paliar ou evitar trastornos, tanto físicos como psíquicos. Trátase dun manual que xurdiu ao abeiro dos cursos de posgrao celebrados na Universidade de Alcalá de Henares, polo que se tratan diferentes cuestións dende unha perspectiva sistemática e científica.




(Se queres recibir esta información no teu correo electrónico, déixanos a túa dirección no buzón de suxestións)

21 oct 2015

Libro do mes de outubro 2015



LIBRO DO MES DE OUTUBRO 2015



AUTOR: Matthew Rye- Luis Suñén
TÍTULO: 1001 discos de música clásica que hay que escuchar antes de morir
EDITORIAL: Grijalbo ANO: 2008 NÚMERO DE PÁXINAS: 960
TRADUTOR E ADAPTADOR: Luis Suñén




Este libro ofrece unha lista das mellores gravacións de música “clásica” da historia nun só volume, constituíndo unha obra crucial para entender e apreciar a música culta occidental. Nesta escolma aparecen reflectidos traballos desde os madrigais medievais ata algunhas das máis innovadoras composicións de artistas contemporáneos. A través de fichas detalladas, coas reproducións das cubertas dos discos, así como aquelas características máis reseñables de cada gravación, o libro vai facendo un percorrido cronolóxico pola historia da música. Esta discografía seleccionada por un equipo internacional de máis dunha vintena de críticos de música recolle un total de 1001 traballos de gravación de primeira calidade. Trátase dun volume moi interesante para se achegar á música clásica sen medo.




(Se queres recibir esta información no teu correo electrónico, déixanos a túa dirección no buzón de suxestións)

12 oct 2015

Colabora no novo número da revisa do conservatorio

Xa podes enviar as túas propostas para o número 5 da revista En Solfado do Conservatorio Profesional de Música de Ourense. Podes remitir os teus traballos en formato dixital a revista.ensolfado@gmail.com ou levalo á aula A24 en horario lectivo. 

Anímate!!



1 oct 2015

30 may 2014

Novo número da revista xa dispoñible!!!

Mércao na conserxería do centro por só 2 euros! Artigos sobre músicos, compositores, entrevistas, reportaxes gráficas e moito máis neste número 2013-2014. 



26 may 2014

Libro de mes de maio



AUTORA: Carmen Rodríguez Suso
TÍTULO: Prontuario de Musicología. Música, sonido, sociedad.
EDITORIAL: Clivis
ANO: 2002
NÚMERO DE PÁXINAS: 239
Neste libro a autora realiza unha revisión dos principais elementos que interfiren no concepto da musicoloxía e a experiencia da música. Por medio de sete capítulos vai desgranando os pasos a seguir na investigación musical, así como as principais fontes de información (notación musical, fonografía, organoloxía, iconografía musical, literatura musical). Engade tamén un completo compendio de profesións que existen hoxe vinculadas á música, podendo servir de guía práctica para o futuro profesional dos mozos e mozas que estudan no conservatorio. Como a propia autora escribe:

En el texto se exponen los aspectos más importantes de esta disciplina, explican su relación con la música práctica y sus procedimientos de trabajo, y planteando las reflexiones que ello provoca en los autores recientes. El tono expositivo empleado atiende a criterios divulgativos, pensando en un lector no especializado. De hecho, este libro se dirige a estudiantes tanto como a aficionados a la música, y no hace falta saber música para leerlo y entenderlo.”


(Se queres recibir esta información no teu correo electrónico, déixanos a túa dirección no buzón de suxestións)

11 abr 2014

Novos materiais audiovisuais

Xa están dispoñibles na biblioteca os materiais audiovisuais legados pola ANPA do CMUS Profesional de Ourense. Hai unha interesante selección de música de jazz, pop, rock e mesmo música clásica. Se queres consultar os fondos dispoñibles só tes que pinchar aquí

7 abr 2014

Exposición de instrumentos medievais

Maquetas de instrumentos musicais medievais realizadas con materiais reciclados polos alumnos e alumnas de 4º de Grao Profesional na materia de Historia da Música. Achégate e descubrirás formas de instrumentos que non coñecías, así como un repertorio de enxeño e creatividade dos teus compañeiros e compañeiras. 




1 abr 2014

Libro do mes de abril 2014



TÍTULO: El anillo del nibelungo de Richard Wagner
AUTOR: P. Graig Russell
EDITORIAL: Planeta de Agostini
ANO: 2003
NÚMERO DE PÁXINAS: 456
 TRADUTOR: Patrick Mason

P. Craig Russell é un dos mellores ilustradores de cómic vivos en todo o mundo, e ista é a súa apaixonada e ambiciosa adatación do épico relato de Richard Wagner, O anel do nibelungo. Trátase dun cómic que recolle unha interesante versión do ciclo operístico homónimo de Wagner. 

O ciclo de Wagner, formado por catro óperas continuas pero diferenciadas, é coñecido por ter adatado un antigo mito xermano a unha versión máis moderna. Á vez que capturaba a maxestade mítica daquelas lendas, a visión de Wagner permitíanos ver a personalidade e as motivacións de cada un dos heroes e deuses, dos vilanos e dos mártires. A estrutura desta famosa saga musical é igualmente poderosa, pois cada movemento (O ouro do Rin, A valkiria, Sigfrido e O crespúsculo dos deuses) forma unha ópera separada e conta cun libreto diferenciado.




(Se queres recibir esta información no teu correo electrónico, déixanos a túa dirección no buzón de suxestións)

26 feb 2014

LIBRO DO MES DE MARZO 2014


AUTOR: Esteban Buch
TÍTULO: La novena de Beethoven. Historia política del himno europeo
EDITORIAL: Acantilado
ANO: 2001
NÚMERO DE PÁXINAS: 504                      TRADUTOR: Juan Gabriel López Guix

Neste texto Esteban Buch analiza, desde unha perspectiva interdisciplinar e rigososa, as causas do éxito da Novena sinfonía. A novena sinfonía compúxose en 1824, e desde entón foi a obra musical con maior éxito político en Occidente, ata o punto de que a súa Oda á ledicia foi designada himno oficial de Europa. Desde o nacemento dos himnos nacionais na modernidade e desde a construción, ao longo do século pasado, do mito de Beethoven, familias políticas de diversa índole e incluso antagónicas -desde os republicanos franceses aos nacionalistas alemáns- usaron o final da Novena, e hoxe, nunha trama política cada día máis complexa, parece erixirse como símbolo integral europeo dun proxecto compartido que, seguindo a estela do texto de Schiller (“tódolos homes serán irmáns”), apunta cara unha antiga utopía de fraternidade.

O AUTOR
Esteban Buch (Bos Aires, 1963). É profesor da École des Hautes Études en Sciences Sociales en París, onde dirixe o Centro de Investigacións sobre as Artes a Linguaxe. Obtivo a beca Guggenheim en 1999 e o diploma ao mérito da Fundación Konex en 2009. O seu libro La novena de Beethoven recibiu o premio Grand Prix des Muses L'Espress-France Culture en 1999. Outras publicacións súas son: O caso Schönberg, O pintor da Suíza arxentina, Xuremos con gloria morrer, Historia dunha épica de Estado, The Bomarzo affair. Ópera, perversión e ditadura ou Historia dun segredo.



(Se queres recibir esta información no teu correo electrónico, déixanos a túa dirección no buzón de suxestións)

29 ene 2014

Libro do mes de febreiro: Tchaikovsky y los niños

DATOS DO LIBRO/DISCO

AUTOR: Anna Obiols, Subi, Tchaikovsky

TÍTULO:Tchaikovsky y los niños

EDITORIAL: Bellaterra Música

ANO: 2010

NÚMERO DE PÁXINAS: 24


DATOS DO LIBRO


Trátase dun libro de contos para nenos de entre 6 e 8 anos, que inclúe o conto “Tchaikovsky no pequeno mundo dos xoguetes", un CD co conto gravado e un extracto de 25 pezas para piano do Álbum da xuventude, interpretado por Marina Rodríguez.

De pequeno a Piotr I. Tchaikovsky lle encantaban os contos, xa que tiña unha coidadora que lle contaba moitos. Así ao medrar e ver que ao seu sobriño Bobik de seis anos lle gustaban tamén, igual que tocar o piano, Piotr compúxolle unha serie de pezas para piano. Cada unha facía referencia a unha historia fantástica, a un conto, a un xoguete ou a algunha viaxe. Así cada peza tiña o seu propio título, para que Bobik as puidese imaxinar á vez que as tocaba. A este caderno musical chamoulle “Álbum da xuventude” na honra ao seu admirado Robert Schumann.

(Se queres recibir esta información no teu correo electrónico, déixanos a túa dirección no buzón de suxestións)

24 ene 2014

Novidades infantís

Xa están a disposición dos usuarios novos volumes de contos infantís con música. Coñece a Beethoven, Chopin e Verdi a través da súa música. 



Achégate ao recanto infantil da nosa biblioteca!

11 ene 2014

Libro do mes de xaneiro de 2014


DATOS DO LIBRO
AUTOR: Nikolaus Harnoncourt
TÍTULO: La música como discurso sonoro. Hacia una nueva comprensión de la música
CIDADE DE EDICIÓN: Barcelona
EDITORIAL: Acantilado
ANO: 2006                                                 TRADUTOR DO ALEMÁN: Juan Luis Milán
NÚMERO DE PÁXINAS: 339

DATOS DO AUTOR




Despois de estudar na Academia de Música de Viena en 1952, foi violonchelista coa Sinfónica de Viena. Un ano máis tarde fundou, xunto coa súa muller a Concentus Musicus Wien, incluíndo instrumentos de época e centrándose na música do Renacemento e o Barroco. En 1972, foi profesor do Mozarteum de Salzburgo, e a súa carreira como director emerxeu rápido ao dirixir lendarios ciclos de obras de Monteverdi e Mozart. Dirixiu orquestras coma a Royal Concertgebouw Orchestra de Ámsterdam, a Orquestra de Cámara de Europa, a Filarmónica de Viena e Berlín. Hoxe Nikolaus Harnoncourt é unha estrela internacional entre os directores de orquestra.


BREVE RESUMO DO LIBRO

Neste libro recóllese unha colección de ensaios deste intérprete e director, que conforman unha interesante contribución ao pensamento musical do noso tempo. Foi publicado orixinariamente en 1984 e constitúe para moitos un auténtico “credo” dunha das voces máis recoñecidas no ámbito da interpretación musical histórica. Esta compilación aglutínase en tres partes diferenciadas que abordan a música desde o punto de vista interpretativo, pero incluíndo moi interesantes reflexións históricas sobre a música e o proceso que a fai posible. A primeira parte titúlase “Aspectos fundamentales de la música y de la interpretación”; a segunda sección “Instrumentario y discurso sonoro”, centrándose nalgúns exemplares de organoloxía do Barroco e do Clasicismo; e a última sección titúlase “Música barroca europea- Mozart”, na que realiza unha viaxe polos diferentes compositores que máis aportaron á música occidental no século XVIII.


(Se queres recibir esta información no teu correo electrónico, déixanos a túa dirección no buzón de suxestións)

16 dic 2013

I Concurso de Postais de Nadal

Xa podedes visitar a exposición correspondente ao I Concurso de Postais de Nadal. 

As elixidas para realizar as felicitacións do conservatorio foron as elaboradas por Eva Añel Soengas, Yago López Paz e Xulia Rey de la Vega. 

Noraboa a todxs xs participantes!


9 dic 2013

Novo número de "Música y Educación" xa dispoñible

O número 96 (XXVI, 4) de Decembro de 2013 de Música y Educación. Revista internacional de pedagogía musical xa está dispoñible na nosa biblioteca. 

Achégate e atoparás interesantes artigos e reseñas!!