21 ene 2013

Exposición de debuxo e lectura dun conto


O pasado luns 28 de xaneiro inaugurouse a exposición de debuxo "A música e os libros". 

Trátase da exposición dos debuxos que presentaron no primeiro trimestre nenos e nenas de entre 8 e 12 anos que están cursando estudos no conservatorio. A temática do certame de debuxo era "A música e os libros" e cada proposta debería de levar un título en galego. Os debuxos son moi creativas e de seguro que vos sorprenden, así que achegádevos a partires do luns a botarlle unha ollada. 

Co motivo da inauguración da exposición procedeus á lectura dun conto con música e imaxes destinado especialmente aos máis cativos do conservatorio. Neste caso, a alumna de 6º de Grao Profesional Mara Vecoña Vieira realizou a lectura dun conto con música do Concerto "A primavera" de Antonio Vivaldi. Tras este breve espectáculo audiovisual, que tivo lugar no recén estreado rincón infantil da biblioteca, procedeuse á entrega de premios aos participantes do certame de debuxo. 


ACHEGÁDEVOS Á EXPOSICIÓN!! 

SORPRENDERÉDESVOS 






8 ene 2013

Libro do mes de Xaneiro

LIBRO DO MES DE XANEIRO DE 2013


DATOS DO LIBRO
AUTORA: Eileen SOUTHERN
TÍTULO: HISTORIA DE LA MÚSICA NEGRA NORTEAMERICANA
CIDADE DE EDICIÓN:Madrid
EDITORIAL: Akal
ANO: 2001 
NÚMERO DE PÁXINAS: 689
TRADUTOR: Ramón Polledo

DATOS Da AUTORa

Eileen Southern (1920-2002) foi unha musicóloga afroamericana, adicada non só á investigación, senón tamén á docencia en diversas escolas públicas dos Estados Unidos e na Universidade de Harvard. Comezou a súa carreira como pianista, ganando diversos concursos. Estudou na Universidade de Chicago e de Nova York, acadando a tese de doutoramento no 1961, na que xa se preocupaba polo estudo da música negra popular. Polo seu traballo editorial recibiu varios premios, que a galonan coma unha das especialistas máis reputadas no terreo da música negra norteamericana. 

BREVE RESUMO DO LIBRO


Neste libro a autora pretende axudar a que o lector coñeza e aprecie os diferentes xéneros e os múltiples estilos que, no seu conxunto, definen a música afroamericana dos Estados Unidos. Nesta publicación opta por organizar os materiais de xeito cronolóxico, seguindo a historia da música negra dende a súa orixe africana ata a época actual, a través das súas manifestacións na América colonial e despois nos Estados Unidos. 
A partires da chegada dos primeiros africanas ás colonias inglesas, orixinouse unha intensa actividade musical, que non só xogou un papel  crucial nas vidas dos estadounidenses negros, senón que influenciou profundamente a música norteamericana e doutras partes do mundo. A doutora Southern fai un percorrido por este tipo de música a través dunha crónica que abrangue dende cantantes, instrumentistas e compositores, ata xéneros e estilos que caracterizaron as manifestacións musicais dun pobo que foi dende os ritmos da escravitude ata o rap de finais do XX.  Neste rico camiño, cóbrense numerosos temas, coma a música da época colonial, os artistas da guerra revolucionaria, a música sacra, o ragtime, o swing, a música de concerto, o soul, o pop e mesmo a ópera.





(Se queres recibir esta información no teu correo electrónico, déixanos a túa dirección no buzón de suxestión)

3 dic 2012

2012. Libro do mes de decembro


LIBRO DO MES DE DECEMBRO DE 2012

DATOS DO LIBRO
AUTOR: Eugenio  Trías
TÍTULO: El canto de las sirenas
CIDADE DE EDICIÓN: Barcelona
EDITORIAL: Galaxia Gutenberg
ANO: 2007          
NÚMERO DE PÁXINAS: 1000

DATOS DO AUTOR
 Trías Sagnier (Barcelona, 1942), filósofo español considerado coma un dos máis importantes dende Ortega e Gasset. Licenciado en Filosofía, foi profesor nas Universidades Central e Autónoma de Barcelona, desprazándose dende os anos setenta a Brasil e Arxentina. Catedrático de filosofía na Escola Técnica Superior de Arquitectura dende 1986 e de Historia das Ideas na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. A súa concepción da filosofía é unitaria e enciclopédica, xa que despregou as súas principais ideas en campos tan diversos coma a ética, a estética, a reflexión cívico-política, a filosofía da relixión ou a ontoloxía. Moitos dos seus libros convertéronse en referencias ineludibles da filosofía española no último medio século. Obras súas coma Tratado da paixón, O belo e o sinistro, Os límites do mundo ou  A idade do espírito constituíronse xa en obras clásicas do pensamento filosófico destes anos.

BREVE RESUMO DO LIBRO
Neste libro Eugenio Trías fai un percorrido a modo de ensaio a través de 25 músicos occidentais, percorrendo dende Monteverdi ata as últimas vangardas musicais. Trata de construír un relato, ou gran relato, sobre os principais músicos occidentais dos últimos catrocentos anos. Neste libro trata de “narrar a música”, polo que leva a termo un acto creador, no que urde e combina a trama de textos diferentes que, en progresión, constitúen este relato.  Os misterios gloriosos de Bach, a dualidade do tráxico e do cómico en Mozart, os grandes relatos de Haydn, o estilo heroico de Beethoven, o concepto de obra total de Wagner, o espírito creador de Mahler, a nova teoloxía musical de Schoenberg, a noite eterna de Béla Bartok, os sacrificios de Stravinski, o panteísmo sonoro de Cage ou a arquitectura musical de Xenakis, comparecen nestas páxinas para rebelar as súas claves internas. O resultado non é só unha excelente colección de ensaios individuais, senón tamén un argumento narrativo: unha apaixonante historia das ideas a través da música.


(Se queres recibir esta información no teu correo electrónico, déixanos a túa dirección no buzón de suxestión

15 nov 2012

2012. Libro do mes de novembro


LIBRO DO MES DE NOVEMBRO DE 2012 

DATOS DO LIBRO
AUTOR: J.  Peter Burkholder, Donald J. Grout, Claude V. Palisca
TÍTULO: Historia de la música occidental
CIDADE DE EDICIÓN: Madrid
EDITORIAL: Alianza Música
ANO: 2011 (8ª edición)             TRADUTOR: Gabriel Menéndez Torrellas
NÚMERO DE PÁXINAS: 1288

DATOS DO AUTOR

Donald Jay Grout (1902-1987) foi un musicólogo estadounidense da primeira xeración, que tivo unha grande influencia nos músicos europeos que emigraron ao novo continente tras a Segunda Guerra Mundial. Foi un membro activo de varias universidades e de sociedades de musicoloxía de todo o mundo, constituíndo un referente durante máis de medio século. Os seus traballos deixaron unha fonda pegada na historiografía da música, sendo un dos máis influíntes A History of Western Music de 1960, que se converteu nun auténtico manual reeditado en varias ocasións. Estas reedicións correron a cargo de autores coma Claude Palisca ou máis recentemente J. Peter Burkholder, cuxa edición é a que presentamos nesta ocasión.

BREVE RESUMO DO LIBRO

Este volume foi cualificado por críticos e expertos coma o mellor compendio do desenvolvemento da música no mundo occidental dende as civilizacións máis antigas ata os nosos días. A obra, que só esixe coñecementos elementais de terminoloxía musical e de harmonía, constitúe un modelo de erudición. Explora os estilos, compositores, xéneros e obras fundamentais, así coma a tensión entre tradición e innovación, que tamén abarca unha ampla variedade de xéneros relixiosos e seculares, serios e humorísticos, cultos e populares, de todo o mundo. O texto aparece ilustrado con abundantes exemplos musicais, cronoloxías, biografías, extractos de fontes orixinais, resumos, un glosario e un prego de mapas en cor. Toda unha ferramenta para afondar no coñecemento da música occidental e dos estilos que a cotío se interpretan no conservatorio.